lunes, 6 de febrero de 2017

SOBRE WAGNER

Dentro de pouco viaxaremos á cidade de A Coruña para asistir a un concerto no que poderemos escoitar música de Wagner e de Britten. E para que coñezades algunhas cousas sobre estes grandes compositores do Romanticismo musical, deixámosvos aquí algúns enlaces interesantes.
Richard WAGNER é un compositor e director de orquestra alemán que pertence ao período da música denominado Romanticismo. A peza que escoitaremos de WAGNER é unha ópera, unha obra musical con canto e orquestra na que se representa unha historia enriba dun escenario. O texto da ópera divídese en arias, recitativos e coro.
A ópera elixida pola Orquestra Sinfónica de Galicia para esta ocasión é O Holandés errante. Dunha duración aproximada de 2 horas 15 minutos, está dividida en tres actos, e o libreto é do propio compositor.
A ópera está baseada na lenda (preme sobre o termo se queres lela) do holandés errante, á que Wagner engade algúns personaxes. O resumo do argumento é o seguinte:

O noruegués Daland, capitán dun buque á deriva tras un temporal atopa o famoso buque fantasma, o Holandés errante. Esmagado pola riqueza deste barco ofrece pousada ao capitán ao tempo que amañan o matrimonio coa súa propia filla, Senta.
Ao mesmo tempo, Senta síntese fascinada dende a súa infancia pola figura do fantasma lendario, ao que recoñece nada máis entrar na súa casa. Créndose a salvadora da alma do seu amado capitán non dubida en aceptar o casamento. 
Erik, o seu noivo, lémbralle a promesa de matrimonio que os dous teñen axeitado. Ao saber isto o holandés, e despois de sentirse traizoado, marcha ás carreiras coa súa tripulación e faise á mar. Senta corre tras él e precipítase ao mar, nunha mostra do seu amor altruísta. Nese intre vense dúas figuras abrazadas (Senta mailo holandés) subindo cara ao ceo. 

Da ópera de Wagner escoitaremos a abertura, que é unha peza instrumental que sirve de introdución a unha grande obra coma unha ópera, unha peza teatral, unha suite, etc. Nela preséntase un resumo da acción que se desenvolverá nos diferentes actos.
A abertura do Holandés errante pódese dividir en cinco seccións que nos axudan a seguir o argumento:
1ª sección: A introdución, na que se presenta o leitmotiv do Holandés e a súa tripulación na tormenta. 
2ª sección: O andante que presenta o leitmotiv da redención vinculado a Senta.
3ª sección: Tórnase a tormenta do principio.
4ª sección:  Preséntase un novo leitmotiv asociado á tripulación de Daland.
5ª sección:  Escóitase a loita entre os dous leitmotivs dos protagonistas, o Holandés e Senta. 



QUE É UN LEITMOTIV?
Un leitmotiv é un tema ou motivo asociado a unha persoa, unha cosa, unha emoción ou unha idea concreta que se repite e se desenvolve ao longo da obra. Caracterízase  polo emprego dos mesmos instrumentos, rexistros, armonías ou acordes. Tamén pode asociarse  a un ritmo determinado.

Escoitámola?

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada